José Carlos Vila: "Crecemos bastante dende a crise porque hai máis demanda de produto propio e valorizouse" - Kiwi Atlántico

Blog

José Carlos Vila: "Crecemos bastante dende a crise porque hai máis demanda de produto propio e valorizouse"

12 Ene 17 | Kiwi Atlántico

A Axencia Galega de Noticias púxose en contacto con nós para entrevistar ao noso xerente José Carlos Vila. A entrevista foi publicada nos xornais El Progreso e Diario de Pontevedra. Aquí vola deixamos. 

«O proxecto de fin de carreira de José Carlos Vila Costas serviu de semente para unha empresa que leva case 30 anos apostando por un froito vido de fóra que prendeu ben en Galicia. Con arredor do 60% da produción de España, Kiwi Atlántico segue medrando desde Ribadumia, aínda que nesta campaña o clima reducise a colleita».

KIWI ATLÁNTICO ten uns 70 socios e máis de 40 asociados, e medra desde os seus terreos en Galicia —sobre todo—, Asturias, País Vasco, Navarra ou Portugal. Contando con todos, a empresa acadou unha facturación de 15,5 millóns de euros no exercicio 2015-2016, cunha produción que chegou ás 8.900 toneladas. E máis que houbese.

¿Como veu a nova campaña?

A froita xa está nas tendas. Aínda que aumentamos a superficie, este ano hai menos produción por un tema climático. O anterior inverno foi suave e non axudou, pero os tamaños son máis grandes.

Ao ter máis terra producindo, ¿cabe esperar que se este ano o clima axuda si haxa un aumento grande da produción na próxima campaña?

Considerable, si. Xa nesta temporada o lóxico sería ter crecido bastante, pero non foi posible polo tempo.Con todo, a produción de terreos novos compensou un pouco a caí- da xeral, para deixala nun 6 ou 7%.

¿E que tal están os prezos? 
É un froito caro, porque ten uns custos de instalación altos, producións relativamente baixas por hectárea, hai que mantelas en cámaras moitos meses… Un produtor necesita un mínimo de 60 ou 65 céntimos por quilo saído da parcela, e os gastos de envasado, conservación e clasificado, entre outros, son 50 ou 60 máis. Por iso, se baixa de 1,25 ou 1,30 euros pérdese diñeiro. Así que é un froito caro, pero nós notamos nos últimos anos unha aposta forte do consumidor polo produto propio. De feito, desde a crise crecemos bastante porque hai máis demanda das cadeas de supermercados de produto nacional e estano valorizando.



¿A que cre que se debe? 
Non hai moita oferta e as cadeas queren produto nacional porque o consumidor identifica compralo con mantemento do emprego, con riqueza interna… E iso favoreceunos. Nós non baixamos salarios e aumentamos persoal todos os anos.

Parece que ten boa acollida o sabor do kiwi galego, distinto ao do procedente doutros países… 
Si, si. Temos un pequeno inconveniente, que a nosa froita non é tan alongada coma outra, pero a xente xa está moito máis acostumada. Sabe que o produto é bo e cómprao. Nós competimos con Italia, Francia ou Grecia, máis que con Nova Zelandia —noutro hemisferio—, e temos como vantaxes unha produción case ecolóxica e que podemos coller a froita máis madura.

¿Hai marxe para aumentar a produción á vista da demanda?

Si. España ten dos maiores consumos de kiwi por persoa a nivel mundial, porque se consomenunhas 140.000 toneladas en todo o ano. Serán sobre 85.000 na época na que entra o noso produto no mercado, de novembro a maio, e España produce 14.000 ou 15.000. É dicir, un 20% do que se vende.

¿A causa de que non se produza máis é a falta de terras?

Hai dúas causas fundamentais. Unha é que para que un terreo sexa rendible debe ter un mínimo de catro hectáreas, o que en Galicia é difícil. Outra causa é que os investimentos son grandes, porque o custo por hectárea só da plantación anda nos 40.000 euros. Ultimamente conseguimos plantacións grandes a través das comunidades de montes, pero ¿cal é o problema aí? Que ao ser terreo de monte, o investimento aínda aumenta máis.

¿Hai zonas de Galicia con produción escasa que se poderían sumar á aposta polo kiwi?


Si. No norte hai zonas onde se podería combinar a produción co sector gandeiro, e sería moi complementario. Nós intentamos promovelo hai anos pero non o conseguimos, e é unha pena. Creo que é un tema cultural. En países como Nova Zelandia a xente ten kiwis e animais; aquí ou es gandeiro ou fruticultor.

¿A empresa miraría máis cara a mercados exteriores se contase con máis produción?

Antes exportabamos, pero nos últimos anos a maioría é para o mercado nacional. Se consumimos máis do que producimos e España é dos países que máis valora a calidade do produto, ¿para que mandalo fóra?



Avanzaron hai uns meses un proxecto de «fábrica 4.0» para facer lotes uniformes segundo as características dos kiwis. ¿En que punto está?

Xa temos o prototipo montado en Valencia, onde está o centro principal de investigación, e estamos facendo probas. Se todo vai ben, ao mellor xa o instalamos na nosa planta para implementalo na campaña próxima, aínda que non dunha forma total. Se nos separa as froitas segundo a maduración xa conseguiriamos moito, aínda que non sexa o 100%

Quizás también te interese …