Kiwi Atlántico: orgullosos das nosas orixes - Kiwi Atlántico

Blog

Kiwi Atlántico: orgullosos das nosas orixes

24 Jul 18 | Kiwi Atlántico

Aproveitamos que hoxe se celebra o Día de Galicia, o noso 25 de xullo, para dicir o que vimos repetindo dende hai xa 30 anos: en Kiwi Atlántico estamos orgullosos das nosas orixes. En Galicia puxemos en marcha a idea e, dende aquí, convertímola nunha das meirandes comercializadoras de kiwi de Europa.

Galicia deunos moito. Nutriunos da ilusión e a valentía necesarios para poñer o proxecto en marcha. Todos os que formamos a gran familia de Kiwi Atlántico temos claro que o amor á terra, á agricultura, foi sempre un dos cimentos para hoxe poder dicir con satisfacción que a idea deu os seus froitos. E todo con humildade, non esquecendo as nosas raíces.

O poder do Atlántico

Aquí desenvolvimos a idea. Dende aquí fomos abrindo camiños fóra e levando por todo o mundo a frescura do Atlántico. A Galicia Atlántica está en nós e no noso traballo. A forza do Atlántico está en cada un dos froitos que cultivamos e recollemos coas mans; consigue que o froito medre dun xeito natural e que confiemos en que a terra faga o resto. É sabido que de Galicia saen algúns dos produtos de meirande calidade que conquistan o mundo. Galicia ten algo especial que a fai diferente neste sentido e iso nótase, no noso caso, cando disfrutas dun kiwi con sabor atlántico.

Kiwiplantacion

 

Toda a traxectoria de Kiwi Atlántico está vinculada a esta terra: os donos da idea, os que arriscaron con valentía, o seu persoal, os seus proveedores. Dende os inicios ata a actualidade, Galicia nunca nos abandonou. Tamén somos privilexiados de estar ligados a unha zona única, as terras de Ribadumia. Un lugar que nos acolleu con agarimo e no que temos a nosa sede central.

Chamábannos “tolos” cando, hai 30 anos, decidimos plantar kiwi en Galicia. Hoxe, cada plantación deste froito é un éxito porque Galicia e o seu clima son profundamente xenerosos con nós. Por iso dicimos ben alto que Kiwi Atlántico é unha das moitas empresas galegas que, con orgullo, xeran riqueza aquí e levan Galicia no corazón.

Todo o equipo de Kiwi Atlántico deséxavos un feliz Día de Galicia. Da Galicia atlántica.

Quizás también te interese …